Monday 13 de May de 2024

A Xunta de Galicia achega máis de 1,8 millóns de euros á residencia de persoas con discapacidade Aspace Coruña


Achegouse a algúns dos servizos que presta, como o obradoiro de alimentos texturizados ou as actividades que levan a cabo diariamente os seus usuarios

Tamén foi entrevistado por un grupo de usuarios con parálise cerebral na emisora do centro

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a Residencia de Persoas Con Discapacidade Aspace Coruña, unha entidade que centra a súa actividade nos servizos de atención temperá, integración social, educación inclusiva e traballo para a autonomía persoal dos usuarios. A Xunta de Galicia mostra o seu continuo compromiso con este tipo de entidades achegando máis de 1,8 millóns de euros para a posta en marcha de diversos programas, o transporte das persoas con discapacidade e o mantemento dos centros.

Durante a visita á asociación o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aproveitou para percorrer as súas instalacións e coñecer de primeira man algúns dos servizos que presta, como as actividades diarias que realizan as persoas con parálise cerebral ou o obradoiro de alimentos texturizados.

Antes do remate do encontro, Fernando González Abeijón foi entrevistado na emisora radiofónica coa que conta o centro, A Radio dos Gatos, na que un grupo de usuarios con parálise cerebral realizaron un coloquio.

O representante do departamento autonómico subliñou a importancia deste tipo de centros nos que se elaboran programas para o fomento e o desenvolvemento da autonomía persoal das persoas con algún tipo de discapacidade. Ademais de achegarlles tamén actividades de tempo libre e ocio seguro dirixidas a mellorar as súas habilidades ao tempo de se divirten.